4. Cóntao

4.1 Antes

Nome

O nome do proxecto é a marca coa que se identifican os participantes, a que recoñecen os nosos colaboradores e a que esperta a curiosidade do público. Por iso é importante ter un bo nome. Algún consello: que sexa descritivo sen caer no obvio, creativo sen chegar a ser críptico e suxerente sen abusar de tópicos ou lugares comúns. O nome dun proxecto pode xurdir durante o proceso, pero sempre hai que arrancar con algo, aínda que sexa un nome provisional.

Lema

Non é sempre necesario, pero axuda a completar a información aportada polo nome destacando os contidos ou valores do proxecto como o perfil dos participantes, os formatos cos que traballarán, o obxectivo, etcétera.

Exemplos de lemas unidos a un nome en proxectos reais: A lus do mundo, redescubrindo ó poeta Díaz Castro; Pantasmas de Oza, construíndo a memoria do barrio; Facendo escola, 200 anos de ensino na Baña.

Sinopse

Intenta ser capaz de contalo en 200 palabras. Catro frases que van ser moi útiles: primeiro, para testar se temos claro o noso proxecto. E segundo, para acadar participantes, recursos, financiamento… Se somos capaces de contar a idea nun minuto podemos comezar antes a falar de apoios ou colaboracións nesa reunión que nos custou tanto conseguir.

Dossier

O proxecto pode contarse (e lerse) nun minuto pero necesitas un documento que recolla todo o demais que vimos falando: motivacións, obxectivos, formato, equipo, participantes, recursos, orzamento, plan de acción, calendario, resultado…

Podedes redactar un dossier detallado para presentalo a convocatorias de axudas e ter unha versión máis promocional que sexa breve, visual e destaque os valores do proxecto.Tamén podedes empregar algunha plataforma web onde ir publicando os contidos a modo de diario e incluír algún epígrafe onde expliquedes brevemente en que consiste o proxecto.

4.2 Durante

Rexistro interno

Deseñade unha estratexia de comunicación do proxecto que sirva como rexistro das accións e para crear comunidade entre os participantes.

Redes sociais

Pensade nas redes sociais como unha ferramenta para crear unha conversa pública sobre o proxecto, non só para difundir o que facedes. Cada plataforma ten unhas características e un contido que funciona mellor, pero non agardedes a que vos atopen, buscade o voso público e incorporádeo á conversa.

Medios

Aparecer en prensa escrita, na televisión, na radio ou prensa dixital é clave para a proxección da vosa actividade. Axuda a difundilo, darlle prestixio, facelo atractivo ós patrocinadores e a motivar ós participantes. Avisade ós medios locais, enviade notas de prensa e convocatorias para as accións máis singulares e estade dispoñibles para atender aos xornalistas.

Difundir públicamente o proxecto pode axudar a facer contactos interesantes para proxectos futuros, e atopar novos apoios e colaboradores.

4.3 Despois

Presentación

Organizade un evento para presentar o resultado do voso proxecto, aínda que non haxa un produto final claro. Invitade ás administracións e empresas que vos apoiaron, ás persoas participantes e colaboradoras, e facede que sexa un día de encontro e celebración, aínda que sexa no voso entorno máis inmediato.

A ter en conta: se no traballo que fixemos participaba un colectivo vulnerable, convén realizar un visionado completo do traballo con elas antes de presentalo. Ninguén está libre de prexuízos, así que para non caer en discursos vitimizadores, mellor revisalo de forma conxunta e facer pequenos cambios, se son precisos, antes de publicalo.

Difusión

Non escondades o resultado, compartídeo online e ofrecédevos a outros colectivos ou centros para presentalo e comentar o proceso de creación, dando protagonismo ás persoas participantes. Presentádeo a concursos e festivais onde, ademais de conseguir prestixio e posibles premios en metálico, podedes facer contactos interesantes para futuros proxectos.

Memoria final

Redactar a memoria final pode parecer un simple requisito para xustificar a actividade, pero formulada como un exercicio de documentación axudaravos a organizar novos proxectos e atopar apoios e colaboradores.

Enlaces de interese

Ferramentas que te axudan a planificar:

Empece a escribir e pulse Enter para buscar