Internacional Master Faro

Proxecto de vidocreación colectiva arredor da diversidade funcional  IMPULSADO polo centro de recursos Íntegro de Cabana de Bergantiños (Nantón) e DESENVOLVIDO por Illa Bufarda no verán de 2014

O PROXECTO

O proxecto consistiu nun obradoiro de longa duración (36 horas) orientado á creación dunha peza audiovisual colectiva que recollera o sentir das persoas usuarias do centro respecto aos seus dereitos e ao tratamento que se lle dá en diferentes ámbitos (familiar, laboral, afectivo, nos medios de comunicación…) da sociedade ás diversidades funcionais. O papel de Illa Bufarda foi a de facilitar a creación e cohesión do grupo, para crear dende as súas experiencias a medida que aprendían a empregar o medio e a linguaxe audiovisual. Este proceso fortaleceu a autoestima d@s participantes, que, traballando a súa creatividade, comprobaron todas as súas potencialidades e puxeron en valor as súas historias de vida. Neste obradoiro o alumnado converteuse en emisor da mensaxe, adoptando un papel activo á hora de contar unha historia, a súa propia. Os faros, tan presentes no ámbito xeográfico do alumnado, foron o elemento chave. Partindo da idea de que nunca discriminan a ningún barco, o grupo de traballo creou a súa historia, guión e escaleta e interpretou e gravou a súa curtametraxe: “Internacional Master Faro”.

O grupo estaba formado por persoas moi diversas en idades e capacidades, pero moi motivadas e con moitas ganas de aprender e contar. O que facilitou o proceso de elaboración do guión colectivo foi o feito de ser un grupo consolidado, de persoas xa coñecidas entre si.

 

OBXECTIVOS
· Elaborar conxuntamente un vídeo que explicara os dereitos plasmados na Convención da ONU sobre os dereitos das persoas con diversidade funcional
· Coñecer o proceso creativo audiovisual
· Favorecer a participación na peza audiovisual de todas as persoas que están no centro da asociación Íntegro
· Establecer @s participantes como protagonistas dun discurso audiovisual propio
· Crear unha mensaxe crítica e empoderadora arredor da diversidade funcional
· Implicar á veciñanza e á sociedade na historia/campaña que se xera arredor da peza audiovisual

COMO O FIXEMOS?

COLABORADORES
Contou, para a gravación, coa colaboración da veciñanza e as familias.

RECURSOS
· Espazos do centro Íntegro para a preprodución e diferentes localizacións da comarca de Bergantiños para a gravación
· Equipamento técnico e funxible (aportado por Illa Bufarda)

FINANCIAMENTO
· Centro de recursos Íntegro de Cabana de Bergantiños (Nantón)
· Concello de Cabana de Bergantiños
· Deputación da Coruña
· Secretaría Xeral de Igualdade (Xunta de Galicia)

CONTACTO

Proxectos relacionados

Empece a escribir e pulse Enter para buscar