Activa un proxecto

Ofrecémosvos un camiño metodolóxico que vos axude a organizar un proxecto de acción cultural con ferramentas dixitais.

O proceso

O camiño metodolóxico está elaborado dende a experiencia real e incluímos consellos e ferramentas reunidas en catro pasos:

  • Defíneo

  • Dótao

  • Faino

  • Cóntao

En moitas ocasións estas fases solápanse e modifícanse entre elas ó longo do proceso xa que os participantes poden motivar un cambio nos obxectivos ou aparecer recursos non previstos, ou que o formato dixital que pensaramos usar xa non encaixa co contido. Se é así, parabéns, o proxecto está vivo e as súas posibilidades multiplícanse.

Esta guía é provisional, xa que actualmente temos aberta unha nova fase de achegas ata o 28 de febreiro. Agradecemos calquera suxestión para incorporar novos enlaces a recursos ou para mellorar esta guía metodolóxica e o conxunto da web.

Posteriormente, o vindeiro 15 de marzo a web incorporará as achegas na guía metodolóxica final, tamén dispoñible en formato pdf descargable.

1. Defíneo

1.1 Motivación

Os proxectos non sempre se constrúen sobre grandes ideas iniciais, so precisamos unha escusa para lanzarnos á acción cultural e dixital. Esta escusa é a motivación inicial relacionada coa problemática, necesidade, interese ou oportunidade que motiva a súa posta en marcha. Identificar este desencadeamento do proxecto responde á pregunta: POR QUE o facemos?

  • Por abordar un CONTIDO [o descoñecemento do poeta Xosé María Díaz Castro]
  • Por traballar sobre un TERRITORIO [o borrado histórico do barrio dos Castros]
  • Por dispor dun GRUPO humano [o alumnado migrante no IES Urbano Lugrís]
  • Por experimentar cun FORMATO [o vídeo como ferramenta]
  • Por defender unha INTENCIÓN [a alfabetización dixital dos maiores]
  • Por aproveitar un RECURSO [recibir unha axuda dun programa oficial]
1.2 Obxectivos

Os obxectivos son as intencións transformadoras, divulgadoras ou creativas do teu proxecto, ou sexa: PARA QUE o facemos? Se o obxectivo coincide co desencadeamento, afonda máis para non limitar as posibilidades transformadoras do proxecto. Canto máis definidos estean os obxectivos máis sinxelo será tomar decisións na planificación e execución do proxecto.
Pode que a nosa motivación sexa traballar as ferramentas TIC con maiores ou que o resultado que perseguimos sexa un audiovisual ou un evento concreto, pero os nosos obxectivos teñen que ir máis aló: proxectar un coñecemento, incentivar o traballo en equipo, reflexionar sobre un conflito, xerar conversa social, tecer lazos interxeracionais, construír a identidade dun espazo, romper barreiras tecnolóxicas, fomentar inquedanzas artísticas, etc…

1.3 Formato

O frenesí dixital que afecta a certas contornas educativas e culturais fai que moitas veces o formato sexa o primeiro no que pensamos, incluso antes que os obxectivos ou contidos do proxecto. Non é a situación ideal, pero escoller o formato co que imos traballar axuda a construír o proxecto xa que determina as dinámicas e organización da actividade, os recursos tecnolóxicos  e a necesidade de profesionais de apoio.

Algunhas alternativas:

  • Mapa interactivo
  • Aplicación
  • Vídeos
  • Xogos
  • Podcasts
  • Web doc
  • Páxina web

* Un caso real

No IES Urbano Lugrís da Coruña realizaron un proxecto sobre interculturalidade. O motivo? Que no centro conviven máis de vintetrés nacionalidades distintas. O obxectivo? Mellorar a convivencia convertendo a diversidade cultural nun valor e nun motivo de autoestima da comunidade educativa. O formato? Despois de varios obradoiros editouse un vídeo gravado en trece linguas e organizouse un evento con música, lecturas, gastronomía, artesanía e baile. [ saber máis ]

* Estás listo?

Se xa tes clara a  MOTIVACIÓN, OBXECTIVOS e FORMATO do teu proxecto, segue adiante.

2. Dótao

2.1 As persoas

Son as persoas o principal recurso dun proxecto cultural? Si, sen dúbida. Os proxectos pódense arrancar sen apenas recursos e cun contido moi vago, pero non sen xente. De feito, boa parte do éxito dependerá do acerto co perfil dos participantes, dos colaboradores e do público.

EQUIPO

Creade un equipo de coordinación e repartide as funcións organizativas: quen se encarga de horarios, permisos, comunicación cos participantes, supervisión de contido, divulgación do proxecto, administración do orzamento, etc. Isto axiliza preparativos e a toma de decisións durante o proceso. Unha clave para que o equipo funcione  todo funcione: compartir obxectivos e manter unha comunicación fluída sen ter que reunirse para cada decisión.

PROFESIONAIS

Os proxectos dixitais poden beneficiarse do apoio de profesionais que dominen as ferramentas e as narrativas que queredes empregar: xestores culturais, creadores audiovisuais, educadores dixitais, expertos en comunicación, etc. Os organizadores dun proxecto non tedes porque saber executalo todo, buscade axuda de profesionais e implicádeos dende a fase de construción do proxecto.

PARTICIPANTES

Un proxecto cultural pode formularse con varios niveis de participación, sede flexibles e deseñade as actividades para integrar xente con diferentes intereses e dispoñibilidade. Os proxectos abertos e voluntarios soen crear un núcleo pequeno e estable de participantes e outros que pivotan sumándose en diferentes fases. Se os participantes está obrigados (un aula ou colectivo xa creado) dividide tarefas para que todos atopen o seu espazo de implicación.

COLABORADORES

A experiencia dinos que estamos rodeados de xente disposta a axudar porque teñen o espazo, as ferramentas ou o coñecemento que precisamos. Esa axuda pode non concretarse ó principio pero é bo que saiban que o proxecto existe e implicalos, as ideas para colaborar poden xurdir deles ou sobre a marcha.

PÚBLICO

Ademais dos participantes, para quen creamos este proxecto? Quen é o noso público obxectivo? Reflexionade a quen queredes que chegue o resultado ou que acuda ós eventos que organicedes. Hoxe en día, difundir a acción cultural é máis sinxelo grazas ós medios dixitais e ás redes sociais, pero pensar a quen vos queredes dirixir e por que vos axudará a planificar o proxecto e escoller o formato, planificar as fases, etcétera.

* Un caso real

A Asociación de Veciños dos Castros realizou un proxecto sobre a memoria do barrio, Pantasmas de Oza. O EQUIPO coordinador eran dous membros da asociación coa axuda dunha PROFESIONAL da xestión cultural. A programación comezou cun obradoiro dunha semana no que se creou un grupo de PARTICIPANTES estable e moi motivado que se encargou da organización de tres eventos destinados ó PÚBLICO obxectivo, que eran os veciños do barrio. Para amplificar a proxección do proxecto buscáronse COLABORADORES como historiadores, xornalistas, artistas e veciños, ademais doutros colectivos e institucións do barrio como os centros educativos. [ saber máis ]

* Enlaces que che interesan

Profesionais da xestión cultural e de contidos dixitais.

* Estás listo?

Se creaches un EQUIPO, localizaches PROFESIONAIS, identificaches os teus PARTICIPANTES, contactaches con posibles COLABORADORES e tes en mente o PÚBLICO do teu proxecto, segue adiante.

2.2 Os recursos

TEMPO

Cada fase dun proxecto necesita uns tempos e os de planificación soen estar bastante subestimados. Para evitalo creade un diagrama de Gantt para ter unha visión de conxunto das fases do proxecto e compartide un calendario en liña cos fitos que teñan data e horario concretos. En canto ó horario das actividades, sede realistas co tempo que precisa cada dinámica para que participantes e colaboradores sintan que aportan ó proxecto e non que enchen un tempo.

ESPAZOS

Estamos rodeados de infraestruturas culturais agardando a que as usemos: casas da cultura, centros cívicos, centros educativos, aulas TIC, bibliotecas… Petade en portas e negociade usos e dispoñibilidade. Para escoller a que encaixa co proxecto tede en conta a loxística (se hai que mover xente e cousas), as infraestruturas (luz, auga, conexións, paredes libres, persianas para ter escuridade…) e o funcionamento do espazo (actividades coas que coincidides, o horario de quen abre, etc)

TECNOLOXÍA

Cos ordenadores, as cámaras e demais aparellos tecnolóxicos pasa o mesmo que cos espazos, seguro que hai un departamento, aula ou colectivo que os ten dispoñibles ou podedes resolver con dispositivos propios como os móbiles. Se o que precisades é software para unha web, un mapa ou editar vídeo, buscade alternativas gratuítas. E se tedes intención de mercar, valorade se mercar dispositivos ou formarse para usar unha tecnoloxía concreta encaixa cos obxectivos do voso proxecto. Se non, é mellor alugar ou contratar profesionais que resolvan a parte tecnolóxica e destinar eses cartos e esforzo a outro aspecto máis humano do proxecto.

CARTOS

Como nos financiamos? Con axudas da administración pública, patrocinios de empresas, fundacións, doazóns de particulares (crowdfunding), eventos recadatorios, fondos propios da institución organizadora, etcétera. A nivel da administración existen axudas en todos os niveis: Unión Europea, ministerios, consellerías, deputacións e concellos. Para acceder a ese apoio hai que coñecelo, así que analizade o ecosistema administrativo e económico que vos rodea, estade atentos as convocatorias públicas e privadas, e preguntade a outros colectivos similares como financiaron os seus proxecto por se vos pode dar ideas ou estratexias.

* Un caso real

Non sempre tódolos recursos aparecen ó principio dun proxecto. No 2014, no IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz decidiron facer unha curtametraxe sobre a vida do poeta Xosé María Díaz Castro cando se lle adicou o Día das Letras Galegas. O proxecto comezou con poucos recursos: cunha axuda do Contrato-Programa da Consellería de Educación, celebrándose no propio centro fora de horario escolar e coa idea de usar a cámara que tiña o instituto. Segundo o alumnado avanzaba co guión, o proxecto crecía, facéndose máis ambicioso así que se buscaron recursos da Deputación e da Fundación Barrié. Tamén a de veciños, colectivos e do Concello. O resultado é unha curtametraxe de 20 minutos rodada nun fin de semana, cun equipo profesional ocupándose da parte técnica, en sete localizacións, con atrezzo, vestiario, etc, e que gañou premios en festivais, como o Olloboi e o OUFF. [ saber máis ]

* Enlaces que che interesan

Onde buscar recursos e financiamento.

  • Cultura de Barrio: Programa da Concellería de Culturas da Coruña para apoiar proxectos culturais e sociais promovidos dende a base.
  • Co-Lab: Laboratorio cidadán promovido pola Concellaría de Participación da Coruña dende o que se abordan proxectos de colectivos sociais.
  • A Coruña Educa: Plans e recursos para proxectos de centros educativos do Concello da Coruña.
  • Ao meu Xeito: Programa da Concellería de Xustiza Social para impulsar proxectos educativos nos centros de ensino autónomos, adaptados ás necesidades reais e participados pola comunidade escolar.
  • Subvencións da Deputación da Coruña, que tamén promove convocatorias como o Concurso Luisa Villalta, de proxectos culturais pola igualdade.
  • Contratos Programa: Programa da Xunta de Galicia para proxectos de excelencia educativa e mellora da convivencia en centros educativos
  • Plan Proxecta. Programa da Xunta de Galicia para proxectos de excelencia educativa e mellora da convivencia en centros educativo.
  • Cinema en curso. Un programa do CGAI para centros educativos.
  • Convocatorias da Fundación Barrié.
  • InspiraTICS: Programa de apoio a proxectos de innovación educativa da Fundación Santiago Rey Fernández Latorre e a Fundación Amancio Ortega. tamén teñen Proyecta Innovación e Proyecta D+I sobre profesorado innovador.
  • Ben empregado. Plan da Deputación de Lugo que facilita a contratación de persoal especializado por parte tamén de colectivos sen ánimo de lucro.
  • [ Envíanos novos enlaces en achegas ]

* Estás listo?

Se xa tes previstos o TEMPO, o ESPAZO, as TECNOLOXÍAS e os CARTOS que permitirán facer este proxecto, segue adiante.

2.3 Contidos

Aínda que a creación do contido sexa unha parte do noso proxecto, é importante que teñamos o tema bastante estudado antes de poñer as actividades en marcha. Hai que localizar fontes, documentarse, buscar referencias, consultar expertos e recompilar material de arquivo, so así saberemos as verdadeiras posibilidades do tema escollido. Algúns consellos para definir o contido:

TEMÁTICA

Podedes partir dunha temática xenérica (a convivencia escolar) para abordar temas ou matices concretos (o ciberacoso, a violencia machista, a homofobia…) e que sexan máis próximos ó perfil dos participantes ou ó seu territorio. Desta maneira partimos coa vantaxe da empatía sobre o contido, que lles interesará máis.

FERRAMENTAS

No ámbito dixital, as ferramentas forman parte da narración e deben ser entendidas como parte do contido. Non é o mesmo abordar un tema para unha exposición fotográfica que para un vídeo, un evento, ou un documental web. O formato tamén é contido xa que condiciona como imos recoller o contido, como o presentamos e como vai a acceder a el o público.

PROCEDEMENTO

O teu proxecto inclúe facer obradoiros presenciais ou é so un proceso online? Desenvólvese nunha única localización ou é itinerante? Require un grupo estable de participantes ou van cambiando? Necesita unha fase previa de formación do equipo? Pódese prolongar no tempo ou debe facerse en poucas sesións? … Os detalles de procedemento e execución da idea tamén determinan o contido.

 

* Un caso real

O CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco realizou un proxecto multidisciplinar de centro chamado Proxecto Regueifa. O tema era a regueifa e para achegalo ó alumnado empregouse como fío condutor ós catro regueifeiros da vila, xa todos falecidos, pero dos que había documentación e fontes directas. Os contidos tamén estiveron determinados polas ferramentas: vídeo (facendo entrevistas), artes plásticas (pintouse un mural) e un mapa (creouse un roteiro entre as casas dos catro regueifeiros). Por último, o procedemento tamén foi clave: o proxecto rematou cunha xornada de convivencia con todo o alumnado visitando as casas dos regueifeiros. O resultado final é un documental web onde ten cabida todo o elaborado e permite coñecer a regueifa cunha mirada dende Coristanco. [ saber máis ]

* Enlaces que che interesan

* Estás listo?

Se xa tes as PERSOAS, os RECURSOS e os CONTIDOS para o teu proxecto agora, mans á obra.

3. Faino

3.1 Planifica

PLAN E CALENDARIO

Ese plan de acción ten que incluír que se vai facer, cando e onde. A quen hai que convocar e que permisos, recursos e materiais se precisan para cada actividade. Non esquezas engadir un listado de contactos do equipo e provedores.

REPARTE FUNCIÓNS

O equipo coordinador debe repartirse as responsabilidades e tamén, a toma de decisións. Así conséguese avanzar de forma áxil amosando unidade e claridade de obxectivos de cara a patrocinadores, colaboradores e participantes.

RESERVA RECURSOS

Xa tes previstos os espazos, ferramentas e profesionais que colaborarán en cada acción. Agora, confirma datas e reserva a súa dispoñibilidade cos procedementos necesarios en cada caso.

PREVÉ ALTERNATIVAS

Ten un plan B para solucionar imprevistos, sobre todo se a vosa acción depende do clima. Un consello, antes de formular unha dificultade ó resto do equipo pensa nas alternativas que o solucionarían, iso vos fará máis operativos.

PIDE PERMISOS

Cando as actividades son en espazos públicos ou implican dereitos de imaxe dos participantes os permisos deben ser por escrito. E aínda que legalmente non precisedes permiso, podedes advertir da actividade a aqueles que puidera afectar ou molestar, como ós comerciantes dunha rúa ou os usuarios dun centro cívico. É unha cortesía que axudará a evitar conflitos futuros e pode aportar novos cómplices  e colaboradores.

ASESÓRATE

Necesitas seguro de responsabilidade civil específico para a actividade? Como xustificarás os custes para cobrar as axudas? Como lle tes que facturar ós teus patrocinadores? Tes que contratar directamente ós profesionais que che axuden? Pregunta, asesórate e evita complicacións.

3.2 Executa

INVITA Á PARTICIPACIÓN

O prazo e modo de convocatoria para participar é unha das claves do éxito de calquera acción cultural. Non é mesmo un público cautivo (como o alumnado dunha aula) e con recompensa (subida da nota na asignatura) que cando se trata dunha acción voluntaria e desinteresada. Pensa onde está o teu público e como chegar a el: cartelería, presentación directa ante grupos de interese, notas nos medios de comunicación, redes sociais, etcétera. Deseña unha captación atractiva e moi clara en canto a prezos, horarios e posibilidades de participación.

REALIZA OS EVENTOS

A creación dun  proxecto cultural comeza moito, pero a hora da verdade chega cando comezamos coa actividade ou evento que teñamos programado.  Segue o plan pero sede flexibles integrando as propostas dos participantes e os imprevistos que moitas veces melloran a proposta. Sabemos que traballastes moito para chegar ata aquí pero iso non é o máis importante, non si?

REXISTRA O QUE PASA

Saca fotos e vídeos da actividade, podes usalas para redes sociais, elaborar memorias ou publicidade de seguintes edicións. Para iso solicita o permiso dos participantes, pode ser verbal pero o máis recomendable é que asinen unha cesión de dereitos de imaxe coa inscrición á actividade.

3.3 Avalía

A avaliación do proxecto non debe deixarse para o final. Podedes ir facendo adaptacións ó proxecto en cada fase das actividades e corrixir cousas. Pode ser con coloquios, avaliacións escritas ou online. Aproveitade para recoller opinións sobre cuestións organizativas, de contido e de intereses de cara ó futuro. Non as usedes para xustificarvos ou contestar críticas.

* Enlaces que che interesan

* Estás listo?

Xa executaches o teu plan, o proxecto é unha realidade e estás a recibir as avaliacións, parabéns pero… isto non rematou

4. Cóntao

4.1 Antes

NOME

O nome do proxecto é a marca coa que se identifican os participantes, a que recoñecen os nosos colaboradores e a que esperta a curiosidade do público. Por iso é importante ter un bo nome. Algún consello: que sexa descritivo sen caer no obvio, creativo sen chegar a ser críptico e suxerente sen abusar de tópicos ou lugares comúns. O nome dun proxecto pode xurdir durante o proceso, pero sempre hai que arrancar con algo, aínda que sexa un nome provisional.

LEMA

Non é sempre necesario, pero axuda a completar a información aportada polo nome destacando os contidos ou valores do proxecto como o perfil dos participantes, os formatos cos que traballarán, o obxectivo, etcétera. Exemplos de lemas unidos a un nome en proxectos reais: A lus do mundo, redescubrindo ó poeta Díaz Castro; Pantasmas de Oza, construíndo a memoria do barrio; Facendo escola, 200 anos de ensino na Baña.

SINOPSE

Intenta ser capaz de contalo en 200 palabras. Catro frases que van ser moi útiles. Primeiro, para testar se temos claro o noso proxecto. E segundo, para acadar participantes, recursos, financiamento… Se somos capaces de contar a idea nun minuto podemos comezar antes a falar de apoios ou colaboracións nesa reunión que nos custou tanto conseguir.

DOSSIER

O proxecto pode contarse (e lerse) nun minuto pero necesitas un documento que recolla todo o demais que vimos falando: motivacións, obxectivos, formato, equipo, participantes, recursos, orzamento, plan de acción, calendario, resultado… Podedes redactar un dossier detallado para presentalo a convocatorias de axudas e ter unha versión máis promocional que sexa breve, visual e destaque os valores do proxecto.

4.2 Durante

REXISTRO INTERNO

Deseñade unha estratexia de comunicación do proxecto que sirva como rexistro das accións e para crear comunidade entre os participantes.

REDES SOCIAIS

Pensade nas redes sociais como unha ferramenta para crear unha conversa pública sobre o proxecto, non so para difundir o que facedes. Cada plataforma ten unhas características e un contido que funciona mellor, pero non  agardedes a que vos atopen, buscade o voso público e incorporádeo á conversa.

MEDIOS

Aparecer en prensa escrita, na televisión, na radio ou  prensa dixital é clave para a proxección da vosa actividade. Axuda a difundilo, darlle prestixio, facelo atractivo ós patrocinadores e a motivar ós participantes. Avisade ós medios locais, enviade notas de prensa e convocatorias para as accións máis singulares e estade dispoñibles para atender ós xornalistas.

4.3 Despois

PRESENTACIÓN

Organizade un evento para presentar o resultado do voso proxecto, aínda que non haxa un produto final claro. Invitade ás administracións e empresas que vos apoiaron, ós participantes e colaboradores, e facede que sexa un día de encontro e celebración, aínda que sexa no noso entorno máis inmediato

DIFUSIÓN

Non escondades o resultado, compartídeo online e ofrecédevos a outros colectivos ou centros para presentalo e comentar o proceso de creación dando protagonismo ós participantes. Presentádeo a concursos e festivais onde, ademais de conseguir prestixo e posibles premios en metálico, podedes facer contactos interesantes para futuros proxectos.

MEMORIA FINAL

Redactar a memoria final pode parecer un simple requisito para xustificar a actividade pero formúlaa como un exercicio de documentación que vos axudará a organizar novos proxectos e atopar apoios e colaboradores.

* Enlaces que che interesan

  • Guía de Comunicación de Galicia: directorio de medios de comunicación, entidades e outras institucións elaborado pola Xunta de Galicia.
  • OUFF Escola: premios adicados a proxectos audiovisuais do ámbito educativodentro do Festival Internacional de Cine de Ourense.
  • Olloboi: festival audiovisual escolar que se celebra en Boiro.
  • Youtubeiras: premio creado por varios Concellos de Galicia para contidos feitos en galego.
  • [ Envíanos novos enlaces en achegas ]

* Estás listo?

Si, estás listo 😉

Empece a escribir e pulse Enter para buscar