3. Faino

3.1 Planifica

Elabora un plan de acción que ten que incluír: que se vai facer, cando e onde. Ten en conta tamén a quen hai que convocar e que permisos, recursos e materiais se precisan para cada actividade. Non esquezas engadir un listado de contactos do equipo e provedores.

Nunha sección anterior xa falamos da importancia de saber medir un recurso fundamental: o TEMPO. Neste sentido, recomendamos ter en conta o seguinte:

  • Elaborade unha planificación axeitada de cada unha das fases do proxecto, respectando o tempo preciso para cada tarefa e intentando non estimar polo baixo.
  • Utilizade ferramentas colaborativas para compartir tarefas, calendarios, etc. É importante que todo o equipo teña unha visión conxunta do proxecto e que coñezan os fitos con data e horario concretos.
  • Tede en conta que a gravación e a edición son fases que requiren tempos longos, aínda máis se implican desprazamentos.

Para quen aínda non teña experiencia nun proxecto deste tipo, velaquí compartimos tamén algunhas recomendacións específicas:

Fases de creación audiovisual

Aconsellamos elaborar o plan seguindo, a trazos xerais, estes pasos:

  • Guión: de que queremos falar e como o imos contar. Elaboración de Storyboards.
  • Produción: aquí repártense as diferentes tarefas (quen fai que?), búscanse e xestiónanse os recursos, equipos e localizacións.
  • Gravación ou rodaxe: nesta fase, recomendamos ter claro o reparto de tarefas e contar con tempos largos. Tamén recomendamos agrupar a gravación de secuencias en función da súa localización.
  • Edición: nesta parte, é preciso decidir se será tarefa das persoas participantes ou se será unha tarefa desenvolvida por alguén no equipo organizador. É preciso ter en conta que esta é unha tarefa individual que, ademais, require bastante tempo de traballo.

Prevé alternativas

Ten un plan B para solucionar imprevistos, sobre todo se a vosa acción depende do clima ou da tecnoloxía. Ten sempre unha alternativa a man para que a actividade non quede bloqueada.

Pide permisos

Cando as actividades son en espazos públicos, ou implican dereitos de imaxe dos participantes, os permisos deben ser por escrito. E aínda que legalmente non precisedes permiso, podedes advertir da actividade a aqueles que puidera afectar ou molestar, como aos comerciantes dunha rúa ou os usuarios dun centro cívico. É unha cortesía que axudará a evitar conflitos futuros e que pode aportar novos cómplices e colaboradores.

Asesórate

Necesitas seguro de responsabilidade civil específico para a actividade? Como xustificarás os custos para cobrar as axudas? Como lle tes que facturar aos teus patrocinadores? Tes que contratar directamente aos profesionais que che axuden? Pregunta, asesórate e evita complicacións.

Enlaces de interese

Ferramentas que te axudan a planificar:

3.2 Executa/Actúa

Invita á participación

O prazo e modo de convocatoria para participar é unha das claves do éxito de calquera acción cultural. Non é mesmo un público cativo (como o alumnado dunha aula) e con recompensa (subida da nota na materia) que cando se trata dunha acción voluntaria e desinteresada.

Como xa indicamos anteriormente na sección PARTICIPANTES, debes ter reflexionado sobre os distintos niveis de participación e públicos, e agora, na fase de execución, debes chegar a todas estas persoas a través dos medios máis adecuados: cartelería, presentación directa ante grupos de interese, notas nos medios de comunicación, redes sociais, etc. Deseña unha captación atractiva e moi clara en canto a prezos, horarios e posibilidades de participación.

Realiza os eventos

Sigue o plan pero con flexibilidade, integrando as achegas dos participantes e os imprevistos que moitas veces melloran a proposta. Sabemos que traballaches moito para chegar ata aquí pero iso non é o máis importante, non si?

Rexistra o que pasa

Saca fotos e vídeos da actividade: podes usalas para redes sociais, elaborar memorias ou publicidade de seguintes edicións. Unha forma de facer este rexistro é convertelo nunha “tarefa” que se pode traballar por quendas rotatorias, usando unha cámara de fotos ou co mesmo móbil. Esta tarefa pódese formular ao grupo como un making off da actividade, que tamén pode incluír pequenas entrevistas ao final das sesións (“Que tal? Que pasou hoxe? Que aprendiches?”)

3.3 Avalía

A avaliación do proxecto non debe deixarse para o final. De feito, recomendamos facer algún tipo de dinámica o primeiro día con preguntas abertas e grupais (“Por que participas nesta actividade? Que esperas aprender? Que cres que vai saír de aquí?”) Estes materiais axudan a contrastar o desenvolvemento do proxecto coas expectativas do grupo, avaliando non só a súa aprendizaxe, senón tamén o noso traballo.

Podedes ir facendo adaptacións ao proxecto en cada fase das actividades e corrixir cousas. Pode ser con coloquios, avaliacións escritas ou online. Aproveitade para recoller opinións sobre cuestións organizativas, de contido e de intereses de cara ao futuro.

Por último, se fixemos un rexistro da actividade e temos pequenas entrevistas das persoas participantes nas diferentes fases, podemos xuntalas nun pequeno vídeo. Este material ofrece a posibilidade de difundir a actividade e tamén de avaliala, ademais de ser un contido moi práctico de cara á xustificación ou á presentación as entidades financeiras.

Aínda así, como en calquera outro proxecto educativo, recomendamos elaborar unha rúbrica docente con indicadores, habilidades e criterios para acompañar o proceso.

Un caso real

No proxecto “Imaxina que…” utilizouse a fotografía e os audios de Whatsapp para facer avaliacións diarias do proceso. Esta tarefa foi asignada a persoas con dificultades de concentración ou que podían dificultar o traballo en equipo do resto. Durante toda a sesión, a persoa encargada desta tarefa facía fotografías (logo traballaba a técnica fotográfica) e facía unha selección; nun audio de Whatsapp enviaba a súa valoración persoal da sesión e editábase todo como unha foto-historia.

A maiores, utilizábanse outras ferramentas como as publicacións en redes sociais e as gravacións de entrevistas breves para publicalo todo nun blog compartido,

Saber máis

Enlaces de interese

Ferramentas que te axudan a planificar:

Empece a escribir e pulse Enter para buscar