Que é este kit?

Unha guía e punto de encontro profesional para poñer en común experiencias, retos e recursos cos que poder expandir novas prácticas culturais e activistas a través da creación e a innovación audiovisual, especialmente nas aulas de centros educativos e nos espazos socioculturais de proximidade.

Conectar

Cos TESTIMONIOS de cinco profesionais e activistas, que puxeron en marcha iniciativas de éxito en distintas contornas e grupos de idade.

Inspirarse

Cunha panorámica de EXPERIENCIAS diversa en canto a participantes, contextos e formatos.

Activar

Grazas a unha GUÍA METODOLÓXICA paso a paso, con exemplos e listados de recursos para poñer en marcha novos proxectos.

En detalle

As ferramentas dixitais cada día son máis accesibles. Podemos editar ou difundir contidos simplemente cun teléfono ou acceder aos contidos que outras persoas elaboraron desde dispositivos variados e accesibles.

Neste contexto, xorden iniciativas que empregan a creación audiovisual e a comunicación dixital como ferramentas para a transmisión de coñecementos, ideas e valores. Estas iniciativas adoitan chegar dun xeito moi efectivo ao colectivo da xente moza, pero resultan tamén moi útiles en proxectos de carácter interxeracional e nos eidos educativo e sociocultural.

Todo semellan ser vantaxes, pero o certo é que moitos profesionais e activistas ven complexo desenvolver iniciativas con estas ferramentas. A razón é que cren que será moi difícil, que carecen dos coñecementos necesarios ou que non terán a capacidade económica de levar a cabo o proxecto.

O KIT DE ACTIVACIÓN DIXITAL nace dende Coruña Dixital, programa da área de Culturas e Coñecemento do Concello da Coruña, coa vontade de achegarlle a todas esas persoas (docentes, traballador*s de bibliotecas, centros culturais, servizos sociais, activistas, etc.) as ferramentas necesarias para gañar coñecementos, superar as eivas e aprender a desenvolver ese proxecto educativo, divulgativo, cultural ou social, onde a creación audiovisual e as narrativas dixitais sexan o eixo do traballo e da aprendizaxe.

Como se fixo?

Coruña Dixital é un programa promovido pola área de Culturas e Coñecemento do Concello da Coruña, co fin de expandir na cidade as novas prácticas culturais e creativas xurdidas desde as redes dixitais.

No outono de 2017 acolleu un proceso de investigación colaborativa arredor da educomunicación e do activismo audiovisual en centros educativos e socioculturais de proximidade. Coordinado por Sergio Lago, contou coa participación activa dun equipo de profesionais con ampla experiencia na temática e que tiñan xa colaborado ou participado no programa Coruña Dixital en diversas accións conectadas co tecido da cidade: Gingko (Roi Guitián / María Lobo) e La Mujer Forzuda (Cristina de la Torre).

Despois de desenvolver un esquelete metodolóxico e un prototipo web, convidamos a colectivos e entidades referentes a unha fase de achegas, na que remitisen novos contidos que alimentasen apartados concretos da guía, ademais de achegar referencias de experiencias inspiradoras. Seleccionáronse tamén cinco profesionais para realizar unhas micro-entrevistas, seguindo criterios de pluralidade e diversidade segundo o eido, contexto laboral e perfil de idade das persoas destinatarias dos proxectos.

O proxecto celebra unha presentación pública o 03 de febreiro de 2018 e ábrese unha nova fase de achegas ata o 28 de febreiro. Posteriormente, o 15 de marzo a web incorporará a guía metodolóxica final en formato pdf descargable.

Empece a escribir e pulse Enter para buscar