2. Dótao

2.1 As persoas

Son as persoas o principal recurso dun proxecto cultural? Si, sen dúbida. Os proxectos pódense arrincar sen apenas recursos e cun contido moi vago, pero non sen xente. De feito, boa parte do éxito dependerá do acerto na identificación das persoas participantes, das colaboradoras e do público.

Equipo impulsor

Creade un equipo de coordinación e repartide as funcións organizativas: quen se encarga de horarios, permisos, comunicación cos participantes, supervisión de contido, divulgación do proxecto, administración do orzamento, etc. Isto axiliza preparativos e a toma de decisións durante o proceso. Unha clave para que o equipo funcione todo funcione: desenvolver os obxectivos en colectivo, de xeito que cada quen teña claras as súas funcións e a finalidade do proxecto.

Profesionais

Os proxectos dixitais poden beneficiarse do apoio de persoas que dominen as ferramentas e as narrativas que queredes empregare que propoñan achegas e solucións a partir da súa experiencia previa: profesionais da xestión cultural, da creación audiovisual, da educación e da comunicación, etc. As persoas encargadas de organizar un proxecto non tedes por que saber executalo todo, buscade axuda de profesionais, planificade en que fases do proxecto traballarán e decidide cal será o seu rol (se só precisades asistencia técnica e/ou tecnolóxica, se precisades o seu apoio para o deseño, se precisades o seu apoio nalgunhas actividades ou en todas…)

Participantes

Un proxecto cultural pode formularse con varios niveis de participación, sede flexibles e deseñade as actividades para integrar xente con diferentes intereses e dispoñibilidade. A trazos xerais, podemos atopar dous tipos de participantes en función do contexto da actividade:

  • Aquelas persoas que participarán, queiran ou non, na actividade; por exemplo, un proxecto nun centro escolar durante o horario lectivo. Neste caso, é fundamental traballar a motivación do grupo dende o principio. Para conseguir esta implicación clave, recomendamos:
    • Promover unha aprendizaxe significativa, que estea directamente ligada aos seus intereses e á súa realidade inmediata,
    • Abrir dinámicas activas de participación, que fomenten a vinculación emocional co proceso a través da apropiación (“sentir que o proceso é noso”)
    • E fomentar a participación dende a diversidade, identificando as diferentes habilidades, inquedanzas e expectativas presentes nun mesmo grupo.
  • Aquelas persoas que participan de xeito voluntario nun contexto de aprendizaxe non formal; por exemplo, unha actividade extraescolar, nunha asociación cultural ou nun colectivo de veciñanza. Neste caso, recomendamos identificar un grupo motor: un grupo de persoas cunha certa cohesión social e potencial interese, como un CDR (centro de desenvolvemento rural) ou unha asociación de veciños. Este grupo motor será o encargado de achegar participantes con interese e implicación, así como de garantir a cohesión do proceso en relación ao contexto no que se insire.
Colaboracións

A experiencia dinos que estamos rodeados de xente disposta a axudar porque teñen o espazo, as ferramentas ou o coñecemento que precisamos. Esa axuda pode non concretarse ó principio pero é bo que saiban que o proxecto existe e implicalos, as ideas para colaborar poden xurdir deles ou sobre a marcha. Falamos de entidades públicas ou privadas, asociacións, colectivos ou persoas que poidan apoiarnos nalgún aspecto que botamos en falta: un espazo para as xuntanzas, un lugar para a proxección final, algo de material técnico como unha cámara ou un chroma, etc…

Público

Ademais dos participantes, para quen creamos este proxecto? Quen é o noso público obxectivo? Reflexionade a quen queredes que chegue o resultado ou que acuda ós eventos que organicedes. Hoxe en día, difundir a acción cultural é máis sinxelo grazas ós medios dixitais e ás redes sociais, pero pensar a quen vos queredes dirixir e por que vos axudará a planificar o proxecto e escoller o formato, planificar as fases, etcétera.

Enlaces de interese

Profesionais da xestión cultural e de contidos dixitais:

Dous casos reais

O proxecto RecThink traballou con xente nova que vive en áreas rurais en grave risco de despoboación en 4 países de Europa. Tratábase dun grupo amplo e disperso, polo que se identificaron varios grupos motores. En Galicia, chegaron a través do CDR de Cervantes e do CDR de O Viso, xa que contaban con grupos de xente nova implicada en accións sociais e culturais. No caso de Portugal, Francia e Italia tamén traballamos a partir de asociación xuvenís das localidades nas que se traballou.

Saber máis

A Asociación de Veciños dos Castros realizou un proxecto sobre a memoria do barrio, Pantasmas de Oza.

O equipo coordinador eran dous membros da asociación coa axuda dunha profesional da xestión cultural.

A programación comezou cun obradoiro dunha semana no que se creou un grupo de participantes estable e moi motivado que se encargou da organización de tres eventos destinados ó público obxectivo, que eran os veciños do barrio.

Para amplificar a proxección do proxecto buscáronse colaboradores como historiadores, xornalistas, artistas e veciños, ademais doutros colectivos e institucións do barrio como os centros educativos.

Saber máis

2.2 Os recursos

Tempo

Nos procesos creativos o tempo pode ser demasiado flexible, pódese alongar ou tomar camiños imprevistos na fase de planificación. Isto débese mirar como unha fortaleza nos proxectos audiovisuais e dixitais, xa que representa a capacidade de crear o que non imaxinabamos. Hai que ter claros os obxectivos para non deixar de acadalos, pero sen esquecer que o valor está no proceso de aprendizaxe. Logo, temos que ser flexibles para modificar e adaptar o noso plan ás dinámicas propias de cada grupo e cada proceso.

Espazos

Actualmente, hai moitas infraestruturas públicas agardando a que as usemos: casas da cultura, centros cívicos, centros educativos, aulas CEMIT, bibliotecas… Petade en portas e negociade usos e dispoñibilidade. Aínda que cada proxecto ten actividades propias, en xeral poderiamos recomendar:

  • Un espazo no que se poidan mover as cousas, que conte con mesas para traballar pero que se poidan mover para actividades de gravación.
  • Un espazo con conexión a Internet e no que poidades contar cun proxector.
  • Respecto á infraestrutura, axuda moito ter paredes libres, persianas para regular a luz, etc…
  • Coñecer e respectar o funcionamento interno do espazo (outras actividades, horarios de persoal, etc,…)

Enlaces de interese

Tecnoloxía

Cos ordenadores, as cámaras e demais aparellos tecnolóxicos pasa o mesmo que cos espazos: seguro que hai un departamento, aula ou colectivo que os ten dispoñibles ou podedes resolver con dispositivos propios como os móbiles. Se o que precisades é software para unha web, un mapa ou editar vídeo, buscade alternativas de software libre ou gratuítas. E se tedes intención de mercar, valorade se mercar dispositivos, ou formarse para usar unha tecnoloxía concreta, encaixa cos obxectivos do voso proxecto. Se non, é mellor alugar ou contratar profesionais que resolvan a parte tecnolóxica e destinar eses cartos e esforzo a outro aspecto máis humano do proxecto.

Enlaces de interese

Onde buscar ferramentas e recursos:

Cartos

Como nos financiamos? Analizade o ecosistema administrativo e económico que vos rodea, estade atentos ás convocatorias públicas e privadas e preguntade a outros colectivos similares como financiaron os seus proxectos, por se vos poden dar ideas ou estratexias.

Á hora de realizar o teu orzamento ten en conta os gastos da actividade, pero tamén os estruturais ou de funcionamento, que poderás ou non imputar ó proxecto pero que sen dúbida existen.

Enlaces de interese

Onde buscar financiamento:

  • Cultura de Barrio: Programa da Concellería de Culturas da Coruña para apoiar proxectos culturais e sociais promovidos dende a base.
  • A Coruña Educa: Plans e recursos para proxectos de centros educativos do Concello da Coruña.
  • Ao meu Xeito: Programa da Concellería de Xustiza Social do Concello da Coruña para impulsar nos centros de ensino da cidade proxectos educativos autónomos, adaptados ás necesidades reais e participados pola comunidade escolar.
  • Co-Lab: Laboratorio cidadán promovido pola Concellaría de Participación da Coruña dende o que se abordan proxectos de colectivos sociais.
  • Subvencións da Deputación da Coruña, que tamén promove convocatorias como o Concurso Luisa Villalta, de proxectos culturais pola igualdade.
  • Contratos Programa: Programa da Xunta de Galicia para proxectos de excelencia educativa e mellora da convivencia en centros educativos.
  • Plan Proxecta. Programa da Xunta de Galicia para proxectos de excelencia educativa e mellora da convivencia en centros educativo.
  • Cinema en curso. Un programa do CGAI para centros educativos.
  • Convocatorias da Fundación Barrié.
  • InspiraTICS: Programa de apoio a proxectos de innovación educativa da Fundación Santiago Rey Fernández Latorre e da Fundación Amancio Ortega. Tamén convocan Proyecta Innovación e Proyecta D+I sobre profesorado innovador.
  • Ben empregado. Plan da Deputación de Lugo que facilita a contratación de persoal especializado por parte tamén de colectivos sen ánimo de lucro.
  • Erasmus Plus 3 liñas de finanzamento con fondos europes para xente nova.
  • Cooperacion Galega Subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento polas organizacións non gobernamentais o para o desenvolvemento.
  • Fundación COTEC: convocatoria anual de proxectos educativos.
  • Fundación Educaixa: convocatorias anuais e programa de apoio á avaliación.
  • Obra Social La Caixa: Convocatoria anual para proxectos sociais, culturais, de educación formal e non formal.

Un caso real

Non sempre tódolos recursos aparecen ao principio dun proxecto. No 2014, no IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, decidiron facer unha curtametraxe sobre a vida do poeta Xosé María Díaz Castro cando se lle adicou o Día das Letras Galegas.

O proxecto comezou con poucos recursos: unha axuda do Contrato-Programa da Consellería de Educación, celebrándose no propio centro fóra de horario escolar e coa idea de usar a cámara que tiña o instituto. Segundo o alumnado avanzaba co guión, o proxecto crecía, facéndose máis ambicioso, así que se buscaron recursos da Deputación e da Fundación Barrié. Tamén a de veciños, colectivos e do Concello.

O resultado é unha curtametraxe de 20 minutos rodada nunha fin de semana, cun equipo profesional ocupándose da parte técnica, en sete localizacións, con atrezzo, vestiario, etc,… e que gañou premios en festivais, como o Olloboi e o OUFF.

Empece a escribir e pulse Enter para buscar