Teño unha horta en San Sadurniño

IMPULSADO pola dinamizadora TIC do Aula Cemit do Concello de San Sadurniño. Multipremiado videoblog sobre os traballos na horta realizado por mulleres de máis de 65 anos.

O PROXECTO

Teño unha horta en San Sadurniño ponse en marcha no ano 2015 na “Aula Cemit” do Concello de San Sadurniño, un centro adicado á formación e inclusión dixital da cidadanía. A iniciativa nace coa intención de abordar o reto social da difusión do coñecemento e experiencia das mulleres a través da tecnoloxía. Como complemento á formación, un grupo de cinco mulleres, entre 65 e 80 anos, poñen en marcha este proxecto, combinando alfabetización dixital e audiovisual coa preservación do coñecemento agrícola tradicional.

A traveso de vídeo tutoriais na súa canle de YouTube Teño unha horta en San Sadurniño, amosan como traballan as súas hortas, ensinando trucos e tarefas tradicionais. A idea é que as mulleres filmen labores agrícolas que se fixeron toda a vida, facilitando trucos e amosando como se fan algunhas cousas nas que as xeracións novas non reparan. Como e cando se planta o millo, de que maneira se deben poñer as tomateiras, que tratamentos dar ás fabas, etcétera.  Estas son só algunhas das posibilidades creativas que fundamentan o proxecto co que, ademais, quérese reivindicar o potencial do medio rural, o traballo agrario e as posibilidades de desenvolvemento sustentable ligado á terra que existen en San Sadurniño.

POR QUE O FACEMOS?

OBXECTIVOS
· Empoderamento da muller rural a través das novas tecnoloxías. – Capacitar e formar no uso das TIC.
· Aproveitar o coñecemento e sabedoría das persoas maiores que sempre traballaron no campo para compartir coas xeracións máis novas.
· Innovar non so utilizando as TIC para transmitir tradición se non tamén experimentando con novos cultivos pouco habituáis na zona (xenxibre, boniato, azafrán, liño, trigo sarraceno, cacahuetes…).
· Realizar vídeos sinxelos con móbiles ou cámaras e compartilos na súa canle de YouTube.
· Poñer en marcha unha actividade interxeracional, implicando ás persoas máis novas (fillos/as, netas/os…), para que participen nos vídeos.
· Sensibilizar ás novas xeracións e mostrarlles as posibilidades do rural como modo de vida, posibilidade de traballo / negocio… etc.

PARTICIPANTES
As mulleres de Teño unha horta son para nós unhas heroínas. Cinco mulleres rurais de 65 a 80 anos que coidan das hortas, dos animais, da familia, da casa… e aínda sacan tempo para facer vídeos e manter a canle de Youtube. Iniciáronse no mundo de Internet hai uns anos e seguen aprendendo e dando leccións coas TIC.

COMO O FACEMOS?

RECURSOS
· As 5 hortas das protagonistas
· Aula TIC de San Sadurniño
· 4 smartphone
· 1 cámara de fotos dixital
· 6 micros para smartphone

FINANCIAMENTO
Co apoio do Concello de San Sadurniño e da Rede Cemit.

RECOÑECEMENTOS
· Carballo Interplay. Mellor web serie en VO galego. 2017.
· Certame Youtubeir@s. Premio ó mellor vídeo opinarmos  por «Prohibido plantar patacas». 2017.
· DomusVi. Mellor iniciativa cultural a nivel nacional dirixida a persoas maiores. 2017.
· “Son Dixital” de Cemit-Innova da AMTEGA, Xunta de Galicia. Accésit.

CONTACTO

CARMEN NIETO
Dinamizadora do Aula CEMIT de San Sadurniño e coordinadora do proxecto

Correo electrónico: carmenieto@gmail.com
Canal de Youtube de Teño unha horta en San Sadurniño

Proxectos relacionados

Empece a escribir e pulse Enter para buscar